Remata na Illa de Ons a cuarta edición da Residencia FICBUEU

Bueu, 20 de outubro de 2026- Durante sete días, as e os cineastas dos catro proxectos seleccionados traballaron as súas curtametraxes coa titorización de Belén Funes e formacións con profesionais de referencia do sector.

A cuarta edición da Residencia FICBUEU despediuse onte da Illa de Ons, onde seis cineastas desenvolveron, do 13 ao 19 de outubro, os catro proxectos de curtametraxe seleccionados. A residencia, concibida para acompañar o desenvolvemento integral das curtas, ofreceulles unha semana de inmersión creativa nun enclave natural único, coas condicións idóneas para pensar as súas películas.

Ao longo da semana, o grupo compartiu un espazo de traballo e reflexión no que abordou todo o proceso de creación das súas obras, acompañado por un equipo de profesionais de prestixio do audiovisual.

A guionista e cineasta Belén Funes foi a titora desta edición e acompañou as persoas participantes durante toda a residencia. A súa implicación resultou fundamental para que cada cineasta puidese afondar nas súas historias e nos seus personaxes. O traballo combinou titorías individuais con mesas de guión colectivas, que enriqueceron os proxectos con puntos de vista diversos.

Funes fixo un balance moi positivo da experiencia: «Foi unha experiencia superpositiva, cun tempo de tranquilidade e acougo para pensar nas películas, algo que é moi difícil de conseguir. Todos teñen plans na cabeza para sacalas adiante e que vexan a luz». E engadiu: «Saen todos coas enerxías moi renovadas e con moitas ganas de facer as súas películas, as que están escribindo. Isto é o máis importante».

Ademais das titorías, as e os residentes seguiron formacións específicas sobre distintos ámbitos da creación audiovisual: a produción, con Silvia Fuentes e Anxos Fazáns; a coordinación de intimidade, con Lucía Delgado; e a dirección de casting, con Noemi Chantada. As catro profesionais compartiron a súa experiencia e a súa visión en clases maxistrais grupais e dedicaron tempo ao traballo individual con cada proxecto, o que deu aínda máis riqueza ao diálogo arredor do proceso cinematográfico.

Ons volveu ser o escenario perfecto para parar, pensar e crear. A Asociación FICBUEU agradece o talento, a xenerosidade e o entusiasmo de todas as persoas participantes, e agarda seguir acompañando en vindeiras edicións a novas creadoras e creadores nos seus camiños cinematográficos.

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.