Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility FICBUEU • Presentación da I Residencia FICBUEU en Ons
FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA DE BUEU

Novas do festival

← Volver

A primeira Residencia FICBUEU reunirá en Ons a catro cineastas para desenvolveren os seus proxectos con Isabel Peña,guionista de «As bestas»

FICBUEU

O Festival, que recibiu 122 propostas de realizadoras e realizadores de toda España, procura pezas «cunha visión autoral xenuina e unha concepción narrativa innovadora»

BUEU. 11.08.2023. O FICBUEU, que cada ano amosa o mellor cinema autoral e as principais tendencias cinematográficas en formato curto, presentou esta mañá o seu programa de residencias para cineastas en Ons. Trátase dun proxecto formativo creado para lle dar pulo a novos proxectos audiovisuais. Profesionais de prestixio titorizarán a realizadoras e realizadores na creación de películas que aínda están en fase de desenvolvemento.

O programa, no que o Festival comezou traballar hai dous anos, conta co apoio da Secretaría Xeral da Igualdade e a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). «Que ademais a residencia sexa de curtas é un valor diferencial, porque nos decatamos de que en España non hai practicamente nada similar», sinalou na presentación María Ruiz-Falcó, co-directora do FICBUEU, quen tamén quixo agradecer ao público a boa acollida que está a ter o certame, que continuará coa súa programación ata o vindeiro día 23.

Nesta primeira Residencia FICBUEU, que terá lugar do 9 ao 15 de outubro en Ons, son catro os proxectos seleccionados de entre os 122 que se recibiron dende todo o territorio español, un tercio deles dende Galicia. A titora será Isabel Peña (Zaragoza, 1983), guionista de películas coma As bestas ou El reino –coas que gañou sendos Goyas–, Stockholm, ou Que Dios nos perdone y de series coma Antidisturbios. Para María Ruiz-Falcó, «é un luxo estrear o programa con ela, poder contar cunha muller coa súa traxectoria e a súa altísima calidade profesional».


Calidades e variedade dos proxectos 

Para a selección dos proxectos, o equipo do FICBUEU fixo unha escolma inicial de 15 filmes candidatos. Despois, e en colaboración coa propia Isabel Peña, seleccionou os catro proxectos finalistas: son os de dúas directoras, Alicia Úbeda e Ángela Andrada, ambas de A Coruña, e dous directores, Jordi Sanz, de Barcelona, e Pablo Vilas, de Tenerife. «Valoramos moito a visión autoral xenuina e a concepción narrativa innovadora á hora de escoller. Son catro proxectos moi diferentes entre si, moi interesantes e con moita calidade no guion», engadiu Manuel Pena, tamén co-director do FICBUEU, sobre os traballos que forman parte do programa. 

Alicia Úbeda, que asistiu á presentación da residencia, participará con Garabato, un proxecto de curtametraxe autobiográfica sobre dúas irmás de 14 e 7 anos que coidan dunha nai alcohólica. «Síntome moi afortunada de entrar neste programa e encántame que sexa de curtas porque teñen unha linguaxe propia que hai que pór en valor», dixo na súa intervención. Para esta directora e guionista coruñesa, a súa historia é «unha mirada hacia dentro» que mestura autoficción e documental e que «colle unha experiencia traumática para contala outra vez e facela menos dolorosa».

Avisa cuando llegues é a proposta da guionista Ángela Andrade, a historia dunha moza de 21 anos que quere recuperar a súa vida, superar o medo e volver saír a divertirse seis meses despois de sufrir unha agresión sexual. Jordi Sanz, pola súa banda, foi elixido por Sismes, unha peza coa que explorará a memoria e os recordos a través dunha muller divorciada que regresa dez anos despois á illa volcánica onde pasou a súa lúa de mel e ten a obsesión de gravarse en vídeo para recrear as imaxes nas que só aparecía o seu ex marido. Barranco sin fondo é a proposta que Pablo Vilas quere desenvolver para contar a historia dunha adolescente que recorre cun dron os barrancos preto da súa casa e atopa un cabrito que quere adoptar.


Titorías personalizadas e actividades conxuntas

A primeira Residencia FICBUEU permitirá aos catro finalistas mellorar a calidade e a viabilidade das súas ideas, fornecendo a súa visión, linguaxe e ton personal, ademais de adquirir os recursos necesarios para obter unha perspectiva multidisciplinar do proceso de produción. A metodoloxía que empregarán estará baseada nas titorías personalizadas, as formacións específicas e nas actividades prácticas conxuntas (mesas redondas e encontros one to one) que favorecerán a cooperación e posta en valor de perspectivas diversas. «O plan é que traballen moito para sacar o máximo proveito da súa estancia», afirmou Manuel Pena.

Ademais de Isabel Peña, traballarán tamén cos residentes a doutora, guionista e antropóloga Carmen Ávalos, quen abordará o guion desde a perspectiva de xénero; Pablo Lamosa, director de Cormorán VFX, quen afondará nos recursos orientados á mellora dos aspectos visuais dos proxectos; e a profesora e investigadora Elena Neira, quen dará a coñecer as novas vías de distribución para o cinema.

Ao remate da residencia, un dos catro proxectos de guion optará a ser producido pola produtora galega Nortecatro Cinema. «Xa viñamos facendo clases de guion e pequenos cursos de rodaxe, pero queriamos ter un gran programa profesional e completo de apoio a ideas dende o seu inicio, co que se vexan resultados. Por iso imos intentar que un dos proxectos sexa realidade e pechar o círculo», rematou Manuel Pena.

O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Skip to content