A Residencia FICBUEU é un programa formativo dedicado ao tratamento integral de curtametraxes en fase de desenvolvemento, no que diferentes profesionais de prestixio acompañan e titorizan persoalmente cada proxecto. A residencia, que se celebra na Illa de Ons, ten como principal obxectivo impulsar proxectos innovadores que destaquen por unha visión autoral xenuína, e céntrase no traballo de guión e na concepción inicial de cada peza dende o punto de vista da dirección. Combinando encontros e formación especializada, adopta un carácter multidisciplinar que fomenta a aprendizaxe transversal e abre novas vías de acceso á produción.

O programa persegue dous obxectivos principais: a mellora da calidade e da viabilidade das obras, a través do fortalecemento dunha visión, unha linguaxe e un ton propios; e a adquisición de ferramentas e recursos que permitan obter unha perspectiva global do proceso de produción.

Para acadar estes obxectivos, a metodoloxía da Residencia FICBUEU articúlase en tres bloques: titorías personalizadas, sesións formativas específicas e actividades prácticas (mesas de guión e encontros one-to-one) que favorecen a cooperación e a posta en valor de perspectivas diversas.

CONVOCATORIA 2026

Cuarta edición – 13-19 outubro 2026

TITORA

Belén Funes será a titora desta edición e a encargada de guiar o proceso creativo dos proxectos seleccionados.

Cursa dirección de ficción na Escola Superior de Cine e Audiovisuais de Cataluña (ESCAC), onde se gradúa en 2008. Posteriormente, continúa a súa formación no ámbito académico na Escola Internacional de Cine e TV de San Antonio de los Baños (Cuba). Ao regresar a España, traballa durante un tempo como axudante de dirección, auxiliar de casting e supervisora de continuidade.

A súa primeira aproximación á dirección prodúcese coa curtametraxe Sara a la fuga, que se estrea no Festival de Málaga e consegue as Biznagas de Prata á mellor dirección e á mellor curtametraxe.

En 2019 estrea a súa ópera prima, La Hija de un Ladrón, na sección oficial do Festival de Cine de San Sebastián, onde Greta Fernández se alza coa Cuncha de Prata á mellor actriz. Ese mesmo ano, a película consegue o Goya á Mellor Dirección Novel e gaña tres premios Gaudí, entre outros.

Los Tortuga, a súa segunda longametraxe, estréase na sección Centerpiece do Festival Internacional de Cine de Toronto (TIFF). Pouco despois, realiza a súa estrea nacional no Festival de Málaga, onde consegue o Premio Especial do Xurado, as Biznagas á mellor dirección e ao mellor guión. Posteriormente, a película obtén dúas candidaturas aos Premios Goya e tres aos Premios Gaudí.

Actualmente, Belén atópase inmersa no desenvolvemento da súa terceira longametraxe, coescrita xunto á cineasta Pilar Palomero.

Compaxina o seu traballo como cineasta coa docencia e co asesoramento creativo, e acompaña a outras cineastas nos seus procesos de escritura.

FORMADORAS

Anxos Fazáns e Silvia Fuentes, levarán a cabo o obradoiro O traballo de produción dunha curta.

As fundadoras de Sétima Cooperativa Audiovisual, abordarán de maneira detallada as diferentes fases que conforman o proceso de produción dunha curtametraxe, desde o desenvolvemento inicial da idea ata a súa execución e peche, poñendo o foco nos problemas máis habituais que poden xurdir polo camiño.

Lucía Delgado impartirá a formación A importancia da coordinación de intimidade nunha rodaxe.

A través desta formación, asesorará ás persoas residentes para mitigar os posibles riscos derivados da rodaxe de escenas íntimas (entendidas como algo máis que escenas sexuais). O obxectivo será destacar a importancia de crear unha rede de confianza, seguridade e protección, tanto para as e os intérpretes como para o equipo de produción.

Noemi Chantada levará a cabo a formación O proceso de casting.

A realizadora e directora de casting Noemi Chantada desenvolverá unha formación na que se tratarán as diferentes estratexias para a busca de actrices e actores. Chantada adaptará o deseño da formación ás necesidades das curtametraxes seleccionadas, propoñendo solucións e ofrecendo asesoramento en cada caso concreto.

SELECCIONADAS

Gabriela Sellanes Fagini

Cineasta e guionista uruguaia afincada en Madrid, desenvolve unha obra de carácter íntimo e sensorial, centrada nas relacións, na identidade e na fraxilidade humana.

Na Residencia FICBUEU traballará en Yo la veo guapa, un proxecto de curtametraxe que se incorpora á súa traxectoria xunto a outros traballos recoñecidos en programas e laboratorios de creación. Entre eles destaca Como Sylvia Plath, premiado no Detour Film Festival Screenplay Competition, Talento Madrid Emergente e Emergente Cine Lab, e actualmente en desenvolvemento como coprodución hispano-uruguaia.

Manuel Parada Martínez

Historiador e guionista pontevedrés, graduado en Historia da Arte e especializado na escritura de proxectos audiovisuais para diferentes formatos, na creación de historias para públicos diversos e no tratamento de temáticas inclusivas.

Na Residencia FICBUEU desenvolverá As estraperlistas, un proxecto de curtametraxe que se suma á súa experiencia como guionista en obras como Camiñar no Sitio ou Let It Roll. A súa traxectoria tamén inclúe proxectos vinculados á accesibilidade cultural, como Melodías sobre Lienzo, unha proposta de audioguías para achegar a pintura ás persoas con discapacidade visual.

Noelia Sánchez

Formada en Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos e en Comunicación Audiovisual, iniciou a súa traxectoria profesional no departamento de produción antes de incorporarse ao ámbito da dirección como axudante en diferentes curtametraxes. En 2023 estreou Doente, a súa primeira obra como directora, guionista e produtora, seleccionada en festivais nacionais e internacionais e recoñecida con premios como o de Mellor Dirección no Moonlight Online International Film Festival.

Na Residencia FICBUEU traballará no desenvolvemento de Peixiños, mentres continúa compaxinando a produción e a axudantía de dirección co desenvolvemento dos seus propios proxectos.

Santi Rodríguez

Director e guionista formado en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña e na ECAM, desenvolve desde O Bierzo unha mirada cinematográfica centrada na transformación do mundo rural e na memoria das comunidades de traballadores en risco de desaparecer.

Na Residencia FICBUEU traballará no desenvolvemento de Donde la tierra descansa, un proxecto que continúa esta liña de investigación sobre o territorio e a memoria. Rodríguez formou parte do Xurado Novo da 70.ª SEMINCI e do equipo de produción do programa Escuela de Oficios da ECAM.

CONVOCATORIA 2025

Terceira edición – 15-21 outubro 2025

 

TITORA

A encargada de guiar, como titora, o proceso creativo nesta terceira edición foi a guionista e directora Celia Rico Clavellino.

No ano 2018 estreou no Festival de Cine de San Sebastián a súa ópera prima, Viaje al cuarto de una madre, coa que gañou un Premio Gaudí ao mellor guión. As súas segunda e terceira longametraxes, Los pequeños amores (2024) e La buena letra (2025), foron estreadas no Festival de Málaga, onde recibiron varios recoñecementos. Para o público infantil escribiu o proxecto Mironins (2022), que obtivo un Premio Gaudí á mellor película de animación.

Celia Rico Clavellino acompañou de maneira continua ás participantes durante toda a semana, ofrecendo titorías individualizadas e espazos de traballo conxunto.

FORMADORAS

A cineasta Noemi Chantada levou a cabo a formación El proceso de casting.

En colaboración con CREA, a realizadora e directora de casting Noemi Chantada desenvolveu unha formación na que falou sobre as diferentes estratexias para a busca de actrices e actores. Chantada adaptou o deseño da formación ás necesidades das curtametraxes seleccionadas, propoñendo solucións e ofrecendo asesoramento en cada caso concreto.

Ao longo da súa carreira, Noemi Chantada dirixiu proxectos como as curtametraxes documentais A muller invisible ou Xoves de Comadres. Nos últimos anos especializouse no ámbito da dirección de casting, participando en películas como O Corno, de Jaione Camborda, ou Romería, de Carla Simón.

Lucía Delgado impartiu a formación La importancia de la coordinación de intimidad en un rodaje.

A través desta formación, asesorou ás residentes para mitigar os posibles riscos derivados da rodaxe de escenas íntimas (entendidas como algo máis que escenas sexuais). O obxectivo era destacar a importancia de crear unha rede de confianza, seguridade e protección, tanto para as e os intérpretes como para o equipo de produción.

Lucía Delgado, actriz e pioneira na coordinación de intimidade en España a través de Intimact, pertencente á AESCI (Asociación Española de Profesionais da Coordinación de Intimidade), está especializada na asesoría sobre diversidade e no acompañamento psicolóxico en rodaxes. Ademais, centra o seu traballo na divulgación e formación sobre o consentimento e a representación da intimidade en pantalla.

Eva Gancedo, compositora especializada en música para cine, estivo a cargo da formación El proceso de creación musical.

En colaboración con Musimagen, a principal asociación estatal de compositoras e compositores de música para o audiovisual, levouse a cabo a terceira formación, centrada no deseño da composición. Esta formación baseouse nunha aproximación aos procesos e conceptos básicos da creación dunha banda sonora.

Eva Gancedo, compositora especializada en música para cine, conta cunha ampla e recoñecida traxectoria, tendo sido galardoada cun Premios Goya pola súa banda sonora para La buena estrella.

SELECCIONADAS

Paula Costa

Estudou Comunicación Audiovisual na Universidad Carlos III de Madrid e completou a súa formación en Guión e Dirección Cinematográfica na escola Séptima Ars.

Iniciou a súa traxectoria como axudante de produción en Aquí y Allí Films, colaborando en proxectos como Magical Girl ou As Neves, da man do produtor Pedro Hernández. Como cineasta, ademais da dirección e da escrita de guións, traballa en tarefas de produción, desenvolvemento de proxectos e axudantía de dirección en cinema, publicidade e ficción televisiva.

Paula Costa traballou en A tu manera, un filme que combina realismo e ciencia ficción para explorar as relacións entre diversos personaxes femininos.

Sara Ferro

Estudou Filoloxía Clásica na Universidade de Santiago de Compostela e Interpretación Textual na ESAD de Galicia.

Ademais da súa traxectoria como actriz, leva anos escribindo, con varios relatos premiados e publicados. En 2023 dá o salto ao guión, coescribindo xunto a Noelia González a webserie Nómades. Tamén xunto a Noelia González, escribe A outra escena, unha curtametraxe recoñecida co Premio Luisa Villalta e que actualmente se atopa en proceso de montaxe.

Sara Ferro traballou en Németo, unha curtametraxe profundamente arraigada no folclore galego.

Andrea Sánchez

Estudou Conservación e Restauración de Bens Culturais na Escuela Superior de Conservación y Restauración de Cataluña, con especialización en documento gráfico. Posteriormente, completou un posgrao en Arquivo e Conservación de material audiovisual na Elías Querejeta Zine Eskola.

Traballa como conservadora no proxecto de recuperación e acondicionamento do arquivo do Festival Internacional de Cine de San Sebastián. Paralelamente, desenvolve o seu labor como creadora audiovisual con proxectos persoais como Frialdad (2022) ou RASTRES, codirixido xunto a Laura Moreno Bueno.

Andrea Sánchez levou a cabo o seu proxecto Vengo de la plaza, unha proposta que sitúa o dó como eixe central da narrativa.

Aura Sala

Estudou Dirección na Escuela Superior de Cine y Audiovisuales de Cataluña (ESCAC), onde obtivo unha bolsa ao talento, e formouse con cineastas como Carla Simón, Celia Rico Clavellino e Diana Toucedo.

Traballou no ámbito da dirección e da produción en longametraxes como La sociedad de la nieve (J.A. Bayona, 2023), Te estoy amando locamente (Alejandro Marín, 2023) ou El maestro que prometió el mar (Patricia Font, 2023). Ademais, compaxina estes proxectos co desenvolvemento da súa obra persoal, literaria e audiovisual, dentro do colectivo Injúries i Calúmnies.

Aura Sala desenvolveu Un lloc segur, unha curtametraxe de ficción e xénero dramático que ten a transmasculinidade como tema principal.

Sara Traba

Estudou Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela e, posteriormente, estudos cinematográficos en Bande À Part, en Barcelona.

Como cineasta, ademais da dirección e da escritura de guións, traballa como operadora de cámara e montadora en proxectos documentais, de ficción, musicais ou de vídeoarte. Ademais, forma parte da coordinación do ciclo de cine galego-portugués Mulleres, Patrimonios, Sociedade.

Sara Traba participu coa súa proposta As cárcavas, un traballo que reflexiona sobre a comunicación, a memoria e o paso do tempo.

Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.