Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility Residencia FICBUEU • FICBUEU
FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA DE BUEU

Residencia FICBUEU

FICBUEU festival de cine

A Residencia FICBUEU é un programa formativo dedicado ao tratamento integral de curtametraxes na súa etapa de desenvolvemento, no que diferentes profesionais de prestixio acompañarán e titorizarán persoalmente cada proxecto. A residencia, que se desenvolverá na Illa de Ons, terá como principal obxectivo o de impulsar proxectos innovadores que destaquen por mostrar unha visión autoral xenuina, centrándose no traballo de guión e a concepción inicial dos proxectos dende o punto de vista da dirección. A través de diferentes encontros e formacións específicas, a residencia adopta un carácter multidisciplinar que fomenta a aprendizaxe transversal e posibilita novas vías de acceso á produción.

LOCALIZACIÓN

O programa terá lugar na Illa de Ons, espazo natural do Concello de Bueu e pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. A escolla desta localización responde a diferentes motivos:

– Continuar contribuíndo á cohesión territorial a través da realización de proxectos culturais máis aló dos principais núcleos de poboación.
– Impulsar a cohesión do grupo de traballo.
– Fomentar a concentración sobre os proxectos seleccionados.
– Ofrecer un espazo de calma e reflexión para o desenvolvemento creativo.
– Favorecer a metodoloxía intensiva do programa.

PROGRAMA

O proxecto está orientado á consecución de dous obxectivos principais: a mellora da calidade e viabilidade das obras, fortalecendo unha visión, linguaxe e tons persoais; e a adquisición de ferramentas e recursos que permitan obter unha perspectiva multidisciplinar do proceso de produción.

Tendo en conta a finalidade e obxectivos o proxecto da Residencia de creación FICBUEU baseará a súa metodoloxía en tres bloques principais: titorías personalizadas, formacións específicas e actividades prácticas conxuntas (mesas redondas e encontros one to one) que favorecerán a cooperación e posta en valor de perspectivas diversas.

TITORIZACIÓN

Cada ano, baixo a premisa do fortalecemento integral das obras, as e os titores serán prestixiosas e prestixiosos cineastas. Durante as titorías analizarase conxuntamente coas persoas residentes, as fortalezas e debilidades dos proxectos, co obxectivo de perfilar melloras significativas en aspectos fundamentais do guión (estrutura narrativa, trama, creación de personaxes, diálogos, subtexto, etc), ademais de definir o carácter da película en todas as súas áreas dende o punto de vista da dirección.

FORMACIÓNS ESPECÍFICAS

Tendo en conta que na maior parte das producións independentes a realizadora ou realizador participa directamente en todas as fases de creación da película, a residencia inclúe varias formacións específicas en diversas áreas. Deste xeito, as e os residentes poderán ampliar os seus coñecementos sobre diferentes aspectos e fases intrínsecos ao completo desenvolvemento do proxecto.

PREMIO AO MELLOR PROXECTO

Ao remate de cada unha das edicións da Residencia FICBUEU, un dos proxectos de guion será seleccionado para levar a cabo a súa execución cunha produtora galega.


CONVOCATORIA 2024

SEGUNDA EDICIÓN

PROXIMAMENTE


CONVOCATORIA 2023

PRIMEIRA EDICIÓN

A I Residencia FICBUEU contou coa subvención do Ministerio de Cultura y Deporte e o patrocinio Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Skip to content