Bueu, 31/07/2025 – A proxección terá lugar o próximo 5 de setembro, o mesmo día que o filme chega ás salas de cinema, e será unha das poucas proxeccións en España que nese mesmo día de estrea terá acompañamento de parte do equipo.
O FICBUEU acollerá tamén durante a súa primeira fin de semana unhas Xornadas Cinematográficas arredor da música e o cinema nas que participarán Ana Pffaf (montadora da película) e Ernest Pipó (compositor da música).
O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebrará entre os próximos 5 e 20 de setembro, inaugurará esta 18ª edición co filme Romería, de Carla Simón, recentemente estreado no Festival de Cannes. A proxección terá lugar o venres 5 de setembro ás 20h30 e será un dos poucos pases que nese día de chegada do filme ás salas de cinema terá acompañamento do elenco. Nesta ocasión, estarán presentes na proxección o director ferrolán e actor no filme Alberto Gracia e a viguesa Marina Troncoso.

No filme, Marina (Llúcia Garcia), adoptada desde moi pequena, viaxa a Vigo para atoparse por primeira vez coa familia do seu pai biolóxico. A súa chegada trae de volta un pasado xa enterrado. Guiada polo diario da súa nai e a través dunha conexión especial co seu novo curmán, Marina descubrirá as feridas familiares e poderá por fin revivir a memoria fragmentada duns pais dos que apenas ten recordos.
Con Romería (2025), a cineasta catalá continúa explorando arredor dos vínculos familiares, un dos temas centrais da súa cinematografía. “Os meus pais eran mozos durante a transición democrática española dos anos oitenta, unha época de liberdade e experimentación, na que os mozos romperon cos valores herdados dunha sociedade profundamente católica e conservadora. Con todo, este período de liberdade tan esperado, coñecido como «A Movida», tamén trouxo consigo unha crise de heroína, que converteu a España no país coa maior taxa de mortes relacionadas coa sida de Europa. Estas historias, foron a miúdo silenciadas”, afirma Carla Simón. En Romería é o momento de contalas.

Estamos a falar da terceira longametraxe de Carla Simón, despois e Estiu 1993 e Alcarràs. Estiu 1993 (2017) foi o seu debut autobiográfico. Con esta película gañou o Premio á Mellor Ópera Prima e o Gran Premio Generation Kplus na Berlinale, ademais de tres premios Goya, incluído o de Mellor Dirección Novel. O filme representou a España nos Óscar 2018, obtivo o nomeamento Discovery nos Premios do Cinema Europeo, e deulle a Carla o premio Kering emerging Women in Motion en Cannes. Pola súa banda, Alcarràs (2022), gañou o prezado Oso de Ouro na Berlinale, foi seleccionado en máis de 90 festivais internacionais e vendeuse a máis de 35 territorios. Tamén representou a España nos Óscar 2023, obtivo tres candidaturas nos Premios do Cinema Europeo e gañou seis premios Gaudí da Academia do Cinema Catalán. En 2023, Carla obtivo o Premio Nacional de Cinematografía.
Xornadas cinematográficas: música e cinema
Esta non será a única actividade relacionada co filme que acolla o FICBUEU. Durante a primeira fin de semana do festival terán lugar as Xornadas Cinematográficas que este ano acollerán actividades coa temática: música e cinema. Da man da montadora do filme Ana Pffaf e do compositor Ernest Pipó afondarase na música e a montaxe en Romería.
Ambos -edición e composición musical- son dous elementos fundamentais na constitución do ritmo dun filme, e a súa correcta conxunción pode ser determinante na consecución dun resultado final satisfactorio. Durante o encontro, Pfaff e Pipó reflexionarán sobre os procesos de traballo conxunto no filme nun encontro moderado por Gaspar Broullón.
Ana Pfaff focalizou ata o momento o seu traballo como montadora no cinema independente. Ten traballado con cineastas como Chema García Ibarra, Victor Iriarte ou Clara Roquet. Moitas das películas montadas por Pfaff percorreron con éxito os festivais internacionais, destacando o Oso de Ouro en Berlín de Alcarràs (2022) ou a estrea na Sección Oficial de Cannes da propia Romería. O seu traballo de montaxe foi recoñecido con dous Premios Gaudí e outras tantas candidaturas aos Goya.
Ernest Pipó é un compositor asentado en Barcelona. Empeza a súa carreira musical como guitarrista de música xeralmente instrumental e improvisada. Achégase á música de tradición escrita e ao piano mediante a súa aproximación ao mundo do cinema; nese ámbito, asinou as partituras da longametraxe Estiu 1993 (2017) e da curtametraxe Después también (2019), anteriores traballos da directora Carla Simón.
Esta é só unha pequena parte das Xornadas que o FICBUEU dedicará á música e ao cinema, centrais na programación desta edición.



