Saen á venda as entradas e abonos para o 14º Festival Internacional de Curtas

  • Volve Carne Cruda e ofértanse múltiples actividades de balde.

As entradas e abonos para as proxeccións do 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se celebrará no Centro Social do Mar do 10 ao 19 de setembro, xa están á venda en www.ficbueu.com/tenda. As sesións competitivas e os filmes de apertura e peche terán un custo de 3 euros, aínda que para as cinco xornadas da Sección Internacional poderá adquirirse un abono por 12 euros. A asistencia ao programa radiofónico Carne Cruda, que se realizará ao vivo o sábado 11 ás 18 horas, terá un prezo de 5 euros.

A Sección Internacional desenvolverase do luns 13 ao venres 17 con dous pases a elixir, ás 20 e ás 22 horas, e cun faladoiro entre ambas as dúas que terá lugar no Punto de Encontro. Para as seccións Galicia R e España, que se poderán ver o sábado 18, só hai entradas soltas. Da primeira organizaranse dúas sesións, ás 17 e ás 19 horas, mentres que a segunda comezará ás 21 horas. En senllos casos o público poderá participar no coloquio posterior coas e cos cineastas.

Na fin de semana anterior, o sábado 11 e o domingo 12, proxectaranse ás 20 horas os dous bloques da Sección Experimental, con programas diferentes. O mesmo acontecerá ás 22 horas coa Sección Panorama, onde a entrada será a doazón dalgún produto non perecedoiro destinado ao Banco de Alimentos. Outra das novidades deste ano é o filme de apertura, para o cal o recoñecido crítico cinematográfico Javier Tolentino se achegará a Bueu o venres 10 ás 22 horas a fin de presentar a súa primeira longametraxe, Un blues para Teherán. Así mesmo, o domingo 19 ás 21:30 horas proxectarase como filme de peche Sole, ópera prima do italiano Carlo Sironi, membro do xurado do FICBUEU 2021, que aborda o polémico tema da maternidade subrogada.

O resto das proxeccións, entre as que se atopan as seccións Retrospectiva e Carta branca, centradas no National Film Board of Canada, e mais as Curtas en familia, terán carácter gratuíto, aínda que vai ser preciso retirar unha invitación no despacho de billetes o mesmo día da súa celebración. O acceso será idéntico para outra ducia de actividades entre conferencias, concertos, presentacións, etc. que se ofertarán con entrada de balde.

O despacho de billetes abrirase na semana previa á inauguración, do luns 6 ao xoves 9 de setembro, de 17 a 20 horas, mentres que nas datas do festival, do venres 10 ao domingo 19, o horario será de 16:30 a 22 horas. Ademais, nas fins de semana tamén estará operativo polas mañás, de 10 a 13 horas. Nestas franxas poderán recollerse os convites, trocar o resgardo da compra virtual polos tickets ou mercar as entradas reservadas para a venda física. O venres 17 deberán adquirirse presencialmente as entradas para a Gala de Clausura, ao prezo de 3 euros.

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.