Bueu, 2/09/2025 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu arranca o vindeiro venres 5 e queremos destacar unha parte esencial da nosa identidade: o compromiso coa accesibilidade.
Un festival para todas as persoas
Desde o FICBUEU temos un compromiso firme coa cultura accesible e inclusiva. Todas as actividades están pensadas para favorecer o acceso universal e contan con medidas específicas para garantir que ningunha persoa quede excluída por cuestións físicas, económicas ou sociais.
O Centro Social do Mar e as súas inmediacións, principais espazos do certame, son accesibles e contan con:
- Accesos sen barreiras arquitectónicas e aseos adaptados.
- Espazos sinalados con pictogramas para favorecer a comprensión lectora.
- Entrada gratuíta para acompañantes de persoas con necesidades de apoio e acceso libre para cans de asistencia.
- Transporte público próximo e prazas de estacionamento reservadas para persoas con mobilidade reducida.
- O noso equipo está dispoñible en todo momento para ofrecer atención preferente a quen o precise.

Favorecendo o acceso á cultura de todas as persoas independentemente da súa situación económica, numerosas actividades do festival son de balde.
En liña cun modelo de festival sostible, tamén se fomenta a reciclaxe, evítanse os plásticos dun só uso e promóvese o consumo responsable de recursos.
Por outra banda, un ano máis habilitarase un punto de recollida solidaria en colaboración co Banco de Alimentos Vigo – Pontevedra, centrado en produtos de alimentación, hixiene e xestión menstrual.
A Ludoteca FICBUEU volve un ano máis como unha iniciativa clave para favorecer a conciliación durante o festival.
Do luns 8 ao sábado 13 de setembro, a Sala Multiusos do Centro Social do Mar acollerá este espazo pensado para que nais, pais e persoas coidadoras poidan asistir ás proxeccións da Sección oficial mentres as crianzas desfrutan dun ambiente lúdico e educativo. Esta iniciativa conta coa colaboración da Consellería de Igualdade a través do plan Corresponsables.
A programación da ludoteca inclúe contidos educativos que converten a experiencia nun espazo de aprendizaxe e diversión, reforzando así o carácter social e transformador do festival. Ademais, este ano contaremos con diferentes obradoiros en cada unha das xornadas, levados a cabo por usuarias e usuarios da Asociación Juan XXIII.
Horario Ludoteca FICBUEU – Sala multiusos do Centro Social do Mar
Do luns 8 ao venres 12 – 18:30 H a 21:30 H
Sábado 13 – 16:30 H a 21:30 H

Esperámosvos do 5 ao 20 de setembro na 18ª edición do FICBUEU!





