O xurado da Sección Escolas elixirá as curtas gañadoras do FICBUEU 2022
FICBUEUAta 86 traballos de centros de Galicia foron presentados para a 15ª edición do festival, cun gran número de pezas procedentes de Educación Secundaria.
O xurado da Sección Escolas da 15ª edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu reuniuse hoxe para seleccionar, de entre as 15 obras finalistas, ás tres gañadoras das correspondentes categorías (Educación Especial, Infantil e Primaria, Educación Secundaria e Escolas de Imaxe e Son e Facultades), ademais da vencedora no apartado de Escolas Internacionais.
Despois dunha primeira preselección por parte do equipo do FICBUEU, que se encargou de escoller ata cinco pezas por categoría de entre os 86 traballos recibidos para as Escolas Galegas, agora será a quenda das tres persoas que conforman o Xurado Escolas deste ano, a quenes corresponde a decisión final.
Este xurado, formado pola escritora e editora Olalla González, o pedagogo, docente e investigador especializado en cinema na USC Álvaro Dosil, e polo produtor, director de cine de animación e docente Sergio Clavero, será o responsable de elixir os traballos gañadores que se coñecerán durante a Gala Escolas Galegas, na que colaboran a Fundación Novas e Kalandraka.
Unha decisión que seguro non será sinxela, tendo en conta que o número de obras foi similar ao recibido en anos anteriores e que a calidade e a variedade das mesmas é máis que destacable. Case a metade (42) corresponden a centros de Educación Secundaria, mentres que no caso da Educación Especial, Infantil e Primaria e das Escolas de Imaxe e Son e Facultades o número foi similar (23 e 21, respectivamente).
Estas cifras amosan non só a gran participación e o compromiso do alumnado e dos centros de ensino, senón tamén o potencial do audiovisual e do cinema como ferramenta de traballo, apredizaxe e de transmisión de valores, premisas baixo as que se creou o MiniFIC. As curtas finalistas son as seguintes:
Mellor Curtametraxe de Educación Especial, Infantil e Primaria:
- A coroa da raíña – CEIP Plurilingüe San Marcos (Abegondo)
- Carolina e o corvo de ás brancas – CEIP Do Hío (Cangas)
- Mergullo nas rías – CEIP Do Carballal (Marín)
- Oso atrapabolboretas – CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu)
- Salvar a carballeira – CRA Amencer (San Paio)
Mellor Curtametraxe de Educación Secundaria:
- Cores – IES As Barxas (Moaña)
- Migrando – IES Praia Barraña (Boiro)
- Non tes prezo – CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro)
- Psicología semanal – IES Terra de Trasancos (Narón)
- Que van dicir de nós – CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco)
Mellor Curtametraxe de Escolas de Imaxe e Son e Facultades:
- Algas negras – IES Audiovisual de Vigo
- Galleria. Never hug the fence – Escola de Imaxe e Son de Vigo-EISV. CE Marcote
- Separados por unha barreira – CIFP Imaxe e Son A Coruña
- Versos post mortem – Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Universidade de Vigo)
- 42º 47 ́ 38.9”N – 8º 30 ́ 15.8”O – Universidade de Vigo-Universidade de Santiago de Compostela
Por outra banda, este xurado tamén será o que designará a Mellor Curtametraxe da Sección Escolas Internacionais, logo de que o equipo do FICBUEU escollese as 6 mellores pezas enviadas nos últimos meses. As finalistas neste apartado son as seguintes:
- Fruto do vosso ventre – Fábio Silva (Portugal)
- Yi Yi – Giselle Lin (Singapur)
- Fall of the Ibis king – Mikai Geronimo, Josh O’Caoimh (Irlanda)
- Joy – Alexandra Brodski (Reino Unido)
- An ostrich told me the world is fake and I think I believe it – Lachlan Pendragon (Australia)
- Es muss – Jumana Issa, Flavio Luca Marano (Suíza)
As curtas gañadoras das categorías Educación Secundaria e Educación Especial, Infantil e Primaria daranse a coñecer durante a Gala Escolas Galegas, que se celebrará o 23 de setembro ás 11.30 horas. Doutra banda, as pezas premiadas da Sección Escolas Internacionais e Escolas e Facultades Galegas, anunciaranse durante unha cerimonia que terá lugar o luns 19 de setembro ás 13.30 horas. Ambos actos contarán con entrada e balde.