Bueu, 17/04/2026 – O vindeiro sábado 25 de abril, terá lugar unha nova edición de Noite de Festivais. Esta iniciativa, que chega xa á súa terceira edición, consolídase como un espazo de encontro entre certames internacionais e o público galego arredor do cinema en formato curto.
A proposta consiste nunha sesión especial composta por catro curtametraxes seleccionadas por festivais convidados de diferentes países. Cada un deles achega unha obra representativa da súa liña curatorial, o que dá lugar a un programa diverso e de grande interese que permite acceder a pezas dificilmente visibles nos circuítos habituais.
Con esta actividade, o FICBUEU continúa coa súa liña de traballo de visibilización, proxección exterior e posta en valor da curtametraxe, ao mesmo tempo que fomenta o intercambio profesional e cultural con outros festivais.
Nesta edición, a Noite de Festivais contará coa participación de catro certames internacionais:
O Adriatic Film Festival (Italia), centrado no cinema independente e de autor, presenta La coda di una balena, de Irene Ciavalini. A curtametraxe segue a tres mariñeiros do peirao norte de Pescara que pasan a maior parte do seu tempo en mar aberto, afrontando as dificultades dun oficio en desaparición, sen proteccións nin consideracións.
Un dos principais certames de cinema do sueste asiático, o Chaktomuk Short Film Festival,(Camboxa), propón Grand Mai Who Played Favorites, de Chheangkea. Na historia, unha avoa sae da súa tumba en Phnom Penh para impedir o matrimonio concertado do seu neto e axudalo a aceptar a súa identidade.
O Alexandria Short Film Festival (Exipto), un dos festivais máis consolidados de Oriente Medio, escolleu Night of Lovers, de Khaled Gharib. Ambientada nunha das zonas máis empobrecidas do Cairo, a peza retrata a vida difícil e solitaria de Saber e o seu amor segredo por Wydad.
Completa o programa o Curtas Vila do Conde International Film Festival (Portugal), un festival de referencia con máis de tres décadas de traxectoria, que trae a Bueu Sol Menor, de André Silva Santos. O filme acompaña a Samuel, un profesor de frauta que transita o loito pola perda da súa parella mentres afronta un momento de cambio vital.

A sesión terá lugar o sábado 25 de abril ás 21:00 horas no Centro Social do Mar de Bueu. As entradas poderán adquirirse a través da páxina web do festival ou na billeteira o propio día do evento desde unha hora antes.



