Cada ano, o FICBUEU reserva unha parte do seu cronograma ás Xornadas Cinematográficas, un espazo de reflexión e análise sobre o cinema que reúne profesionais do sector como cineastas, críticos e ensaístas para abordar diversas temáticas relacionadas coa arte cinematográfica.
Desde o nacemento da séptima arte, a música acompañou as imaxes e formou parte esencial da experiencia cinematográfica. Nesta edición, o programa de actividades estará protagonizado pola música e o cinema, poñendo o foco na composición como elemento narrativo.

ENCONTROS PROFESIONAIS. DIÁLOGOS SOBRE COMPOSICIÓN
No primeiro diálogo da xornada atoparanse Alicia Morote e Gustavo Gill, que falarán sobre como dar os primeiros pasos no sector da música para cine e dos procesos de escritura, produción e narrativa da canción. Xuntos analizarán os condicionantes artísticos, dramáticos e técnicos que poden presentar eses procesos.
A segunda conversa estará protagonizada por Iván M. Lacámara e Mara Villavicencio e terá a tecnoloxía como piar fundamental. Lacámara e Villavicencio falarán de como os sintetizadores e a hibridación sonora afectan á linguaxe musical audiovisual, ao tempo que afondarán na importancia dos “temp tracks” ou referencias musicais provisionais.
Alberto Torres e Gabi Martínez atoparanse nunha terceira conversa para abordar a relación entre o deseño sonoro e a música, así como da construción dun guión musical que permita estruturar a narrativa.

CLASE MAXISTRAL. DO CLASICISMO Á MODERNIDADE: AS COMPOSITORAS DE BANDAS SONORAS
Doreen Carwithen, Shirley Walker, Rachel Portman, Hildur Guðnadóttir e Mica Levi serán algunhas das compositoras protagonistas desta clase maxistral onde poderemos descubrir os aportes das mulleres á historia da música no cine. A palestra centrarase non só nas figuras máis recoñecidas, senón que atenderá tamén ás autoras de culto e ás circunstancias de produción cultural e recepción social que condicionaron a presenza dunhas e doutras.
O crítico de cinema Diego Salgado será o encargado de impartir esta clase maxistral. Salgado é autor de Supernovas: Una historia feminista de la ciencia ficción audiovisual xunto a Elisa McCausland, con quen presenta tamén o podcast Trincheras de la cultura pop. Colabora, ademais, en medios como Cine Divergente, Détour ou Dirigido por, e é membro da Film Critics Society.

CONVERSA. A MÚSICA E A MONTAXE EN ROMERÍA
Gaspar Broullón, moderará esta conversa entre Ana Pffaf (montadora) e Ernest Pipó (compositor). Música e montaxe son dous elementos fundamentais na constitución do ritmo dun filme, e a súa correcta conxunción sendo moitas veces parte fundamental da súa proposta estética e narrativa. Durante o encontro, ambos profesionais reflexionarán sobre os procesos de traballo conxunto no filme Romería (Carla Simón), dialogando co público sobre a importancia das sinerxias entre ambas disciplinas.
Ana Pfaff focalizou ata o momento o seu traballo como montadora no cinema independente. Ten traballado con cineastas como Chema García Ibarra, Victor Iriarte ou Clara Roquet. Moitas das películas montadas por Pfaff percorreron con éxito os festivais internacionais, destacando o Oso de Ouro en Berlín de Alcarràs (2022) ou a estrea na Sección Oficial de Cannes da propia Romería.
Ernest Pipó é un compositor asentado en Barcelona. Empeza a súa carreira musical como guitarrista de música xeralmente instrumental e improvisada. Achégase á música de tradición escrita e ao piano mediante a súa aproximación ao mundo do cinema; nese ámbito, asinou as partituras da longametraxe Estiu 1993 (2017) e da curtametraxe Después también (2019), anteriores traballos da directora Carla Simón.
O moderador deste encontro, Gaspar Broullón, é un produtor, montador e realizador galego con máis de 20 anos de experiencia. Recibiu en catro ocasións o premio Mestre Mateo á Mellor Montaxe polo seu traballo nas series Hierro (2019-2022) e Rapa (2022-2024), e traballou como produtor executivo en filmes como O Corpo Aberto (Ánxeles Huerta, 2022) ou Eroski-Paraíso (Jorge Coira e Xesús Ron, 2019).

ANÁLISE FÍLMICA. DAVID LYNCH VISTO COS OUVIDOS
O cinema do recoñecido director David Lynch será o protagonista desta charla onde analizaremos a importancia da música e do son nos seus filmes. Ambos elementos forman parte fundamental do universo estético do director, da súa dramaturxia e da súa narración, convertendo os seus filmes nunha experiencia única.
Comentaranse globalmente algúns dos seus filmes máis representativos e particularmente algunhas escenas, procedentes de clásicos lynchianos como The Elephant Man (1980), Blue Velvet (1986), Twin Peaks (1990) ou Mulholland Drive (2001), entre outras. O encontro pecharase coa proxección de The Grandmother (1970), unha das primeiras curtas dirixidas polo cineasta.
O responsable desta análise fílmica será Conrado Xalabarder, especialista en música de cine e creador da web centrada en música cinematográfica MundoBSO. Xalabarder escribiu en publicacións como Fotogramas, o Periódico de Catalunya ou a revista da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España. É ademais profesor de Bandas Sonoras en universidades como a Universitat de Vic ou a Pompeu Fabra, e colabora como asesor musical en filmes e outros proxectos audiovisuais.
Xornadas Cinematográficas FICBUEU 2024
Cine e política. Os filmes como reflexo do seu contexto histórico
O cine é unha fiestra ao seu contexto histórico, reflectindo as transformacións sociais e políticas do seu tempo. Máis aló do entretemento, os filmes dialogan coa realidade, converténdose en ferramentas de análise, crítica e cambio. Nesta xornada analizamos, con voces de diferentes expertas e expertos, como o cinema aborda as tensións políticas, representando ideais, conflitos e transformacións. O obxectivo é comprender o seu poder para narrar a historia e transformar o presente.
Xornadas Cinematográficas FICBUEU 2023
Cotiandade e estética do cine sensible
Durante esta xornada, exploramos as diferentes formas en que o cinema sensible aborda a cotiandade, destacando a súa capacidade para magnificar o ordinario e convertelo en algo extraordinario. Contamos con voces diversas, dende cineastas ata críticas, para examinar como se constrúe esta estética e cal é o impacto emocional e artístico no espectador. A través destas reflexións, mergullamonos nas texturas do día a día e nos silencios que habitan entre as palabras e os xestos, recoñecendo o cinema como unha arte capaz de dar voz ao invisible.
Xornadas Cinematográficas FICBUEU 2022
Esculpindo o tempo
A creación e a transformación do tempo, a súa representación e como este se reflicte nas películas é un dos elementos intrínsecos da linguaxe cinematográfica, sendo parte esencial da sensibilidade artística das autoras e autores. A análise do tratamento do tempo é complexa, xa que son numerosos os elementos que entran en xogo na elaboración do ritmo dun filme, tanto dentro do plano como na totalidade da obra. Para isto, durante a xornada contamos con diferentes perfís, dende cineastas ata ensaístas, abordando o estudo dende distintas perspectivas e atendo a diferentes partes do proceso de creación.

