Cada ano, o FICBUEU arranca a súa programación coas Xornadas Cinematográficas, un espazo de reflexión e análise que reúne cineastas, críticos e ensaístas para pensar e dialogar sobre a arte cinematográfica.
Nesta edición, o eixo sobre o que versan as actividades son os límites do cinema: éticos, estéticos, culturais e industriais. A través de catro actividades e a proxeción dun filme exploraremos as fronteiras da representación, os mecanismos da autocensura, a tensión entre forma e mercado e as dinámicas de colonización cultural. Unha oportunidade para confrontar preguntas incómodas e repensar o papel do cinema nun mundo en transformación.

MESA REDONDA. LÍMITES, POTENCIAIS E PARADOXOS DA REPRESENTACIÓN NO CINEMA CONTEMPORÁNEO
Que ocorre cando unha cámara elixe que mostrar e que deixar fóra de plano? Quen decide como se representa a un pobo, a un líder, a un movemento? Oriol Erausquin, Ricci Galiano e Layla Martínez explorarán as trampas e potenciais da imaxe cinematográfica a través de dous casos concretos. O primeiro: a representación do pobo palestino. O enfoque humanitario dominante, centrado na figura da vítima, tende a invisibilizar a súa resistencia ou a convertila en algo incómodo, cando non directamente criminalizala.
O segundo: a figura de Trump e a extrema dereita contemporánea. A sátira política atopou nel un filón, pero, que se perde cando o reducimos á súa caricatura? Axuda realmente a entender o fenómeno, ou máis ben trivializa e deixa na sombra os intereses económicos e as estruturas de poder que explican o seu ascenso ao poder e o xiro fascista? E, nese retrato da extrema dereita, que lugar ocupa a resistencia organizada?
Esta conversa pretende reivindicar que pensar a representación non é un exercicio estético, senón unha cuestión profundamente política: decidir onde poñemos o foco é tamén un exercicio de poder sobre o que reflexionar, cuestionar e confrontar.
Layla Martínez é editora e escritora. Publicou o ensaio Utopía no es una isla (2020) e a novela Carcoma (2021). Actualmente atópase escribindo o seu primeiro guión e corrixindo a súa segunda novela.
Oriol Erausquin é graduado en Filosofía, Política e Economía e autor de La Rabia es Nuestra (2025). A súa actividade pública abarca o activismo, a comunicacións dixital e a produción cultural. Actualmente está terminando a súa tese doutoral en socioloxía sobre as teorías conspirativas de extrema dereita.
Ricci Galiano está formado en dirección de escena e teatro contemporáneo pola Real Escola Superior de Arte Dramática e a Royal Central School of Speech and Drama. Investiga sobre o papel da arte e a cultura como mediacións políticas, combinándoo coa loita queer e o movemento de solidariedade con Palestina e o anti-imperialismo.

CLASE MAXISTRAL. AUTOCENSURA E CANCELACIÓN NO CINEMA
Quen pode rodar que? Quen pode interpretar a quen? Nesta conferencia examínase como a cultura da cancelación, a representación identitaria e a autocensura modifican e inflúen na creación cinematográfica. Desde os algoritmos de diversidade nos guións ata o casting de ADN, con exemplos como a polémica de A Odisea de Nolan, a sesión analiza estes fenómenos á luz dos pensadores que mellor os describiron, con Pier Paolo Pasolini como fío condutor e abordando a problemática que pode derivar da homologación cultural.
Antonio José Navarro é un crítico de cine español. Ao longo da súa carreira colaborou con múltiples revistas e programas especializados en cine, como o programa radiofónico Parlem de Cinema, ou as revistas Dirigido Por, Imágenes de actualidad, Quatermass ou Nosferatu. Ademais, traballou como programador no Festival Internacional de Cinema de Catalunya-Sitges, colaborou na preparación de ciclos na Filmoteca de la Generalitat de Cataluña, a Filmoteca Vasca e a Filmoteca da Generalitat Valenciana e exerceu como docente en diversas universidades españolas. Entre as súas publicacións destacan os libros Alien / Los inconquistables (1995), El imperio del miedo. El cine de horror norteamericano post 11-S (2016) e Choque de titanes. 50 películas fundamentales sobre la Guerra Fría ( 2017).

CLASE MAXISTRAL. FRONTEIRAS DIFUSAS: A INDUSTRIA E AS SÚAS MARXES
O concepto de “cine industrial” adoita empregarse para designar un modelo de produción determinado, pero desde hai anos os seus límites resultan cada vez máis difíciles de definir. Onde remata a industria e onde comeza a independencia? Trátase dunha cuestión económica, estética ou de circulación e exhibición? A partir destas preguntas, a charla propoñerá un percorrido polas tensións que atravesan o cine contemporáneo: a convivencia entre risco formal e esixencias do mercado, a crecente dependencia dos festivais como espazos de lexitimación, a concentración da financiación e distribución en mans duns poucos axentes, a transformación das películas para adaptarse a determinados circuítos de exhibición, ou as contradicións que xorden cando obras concebidas desde as marxes acaban integrándose en dinámicas industriais.
Jara Yáñez é directora da revista Caimán Cuadernos de Cine desde xaneiro de 2022, publicación na que leva traballando desde a súa fundación en 2007 como Cahier du cinéma. España. Exerce ademais, desde 2014, como profesora no Máster de Crítica de Cine da ECAM, é colaboradora habitual do programa Historia de nuestro cine (TVE) e autora de libros como La aritmética de la creación. Entrevistas con productores del cine español contemporáneo (coa colaboración de Luis L. Carrasco, 2009), La medida de los tiempos. El cortometraje español en la década de 2000 (2010) o Femenino plural (editado xunto a Andrea Morán en 2017), ademais de ser autora doutros textos para libros colectivos. Traballou en festivais como DocumentaMadrid, Festival de Alcalá de Henares e en programas como o Museocinema do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía ou Madrid en Corto.

MESA REDONDA. COLONIZACIÓN AUDIOVISUAL E RESISTENCIA PERFORMATIVA NO CINEMA CONTEMPORÁNEO
Conversa entre Álvaro Peña, Yago Paris, Pepa Llausás e Ariadna Cordal sobre a colonización audiovisual. O debate explorará o fracaso da combatividade e a resistencia aos focos de opresión e marxinalización das novas autorías fronte ao cine combativo dos 60 e 70 ou as cinematografías marxinais que eclosionaron nos anos 90 e 2000 grazas a internet e os novos formatos físicos. Centrándose nas estruturas formais e narrativas que atravesan a produción audiovisual contemporánea, cuestionarase en que medida as novas creadoras e creadores poden chegar a colaborar tacitamente cos poderes aos que din resistirse.
Yago Paris é docente postdoutoral no Departamento de Artes e Humanidades da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid e exerce como crítico en revistas como Cine Divergente (da que é cocoordinador) e El Antepenúltimo Mohicano, creou o pódcast Críticas Sobre La Marcha e coeditou o libro Lo que nunca volverá: la infancia en el cine (2022).
Álvaro Peña, licenciado en Estudos de Asia Oriental, é cocoordinador de Cine Divergente. Participou en publicacións como La paranoia contemporánea. El cine en la sociedad del control (2019), Lo que nunca volverá: la infancia en el cine (2022), ou Blade Runner: Siguen soñanado los androides (2023), e coordinou diferentes libros sobre cine, como El legado de Akira Kurosawa (2018). Ademais fundou a revista en liña Cosas de Cine e o pódcast Perros Verdes.
Pepa Llausás é analista de narrativas, escritora e ensaísta, e centrou a súa carreira no estudo e ensinanza de guión e actualmente na investigación de estruturas narrativas e imaxinarios colectivos. Creou a teoría da Narrasis e dirixe Calma Gris, selo editorial e pódcast de análise cultural.
Ariadna Cordal é directora, montadora e investigadora, formada en montaxe audiovisual e doutora pola Universitat Pompeu Fabra. No campo da dirección, realizou curtas como They Ponder (2017), Papá por que quitas a música (2019) e O patio (2024).

PROXECCIÓN. LES RENDEZ-VOUS D’ANNA, DE CHANTAL AKERMAN
Como culminación das Xornadas Cinematográficas proxectarase o filme Les Rendez-vous d’Anna, dirixido pola cineasta belga Chantal Akerman e estreado no ano 1978. Anna é directora de cine, profesión que a leva a viaxar por toda Europa Occidental. Vaia onde vaia, Anna ten algunha relación íntima establecida ou, se non a ten, atópaa rapidamente. A xente séntese atraída por ela e tende a revelarlle os seus segredos máis íntimos, a pesar de que Anna non amosa interese algún por coñecelos.
Les Rendez-vous d’Anna desafía os límites do cinema achegando una proposta minimalista e inmersiva, na que a observación do cotiá se dilata a través de planos longos; conectando e fusionando a construción estética coa desconexión emocional da protagonista. Así, Akerman subverte a narrativa tradicional para facer do cinema unha experiencia íntima e perturbadora.
Xornadas Cinematográficas FICBUEU 2024
Cine e política. Os filmes como reflexo do seu contexto histórico
O cine é unha fiestra ao seu contexto histórico, reflectindo as transformacións sociais e políticas do seu tempo. Máis aló do entretemento, os filmes dialogan coa realidade, converténdose en ferramentas de análise, crítica e cambio. Nesta xornada analizamos, con voces de diferentes expertas e expertos, como o cinema aborda as tensións políticas, representando ideais, conflitos e transformacións. O obxectivo é comprender o seu poder para narrar a historia e transformar o presente.
Xornadas Cinematográficas FICBUEU 2023
Cotiandade e estética do cine sensible
Durante esta xornada, exploramos as diferentes formas en que o cinema sensible aborda a cotiandade, destacando a súa capacidade para magnificar o ordinario e convertelo en algo extraordinario. Contamos con voces diversas, dende cineastas ata críticas, para examinar como se constrúe esta estética e cal é o impacto emocional e artístico no espectador. A través destas reflexións, mergullamonos nas texturas do día a día e nos silencios que habitan entre as palabras e os xestos, recoñecendo o cinema como unha arte capaz de dar voz ao invisible.
Xornadas Cinematográficas FICBUEU 2022
Esculpindo o tempo
A creación e a transformación do tempo, a súa representación e como este se reflicte nas películas é un dos elementos intrínsecos da linguaxe cinematográfica, sendo parte esencial da sensibilidade artística das autoras e autores. A análise do tratamento do tempo é complexa, xa que son numerosos os elementos que entran en xogo na elaboración do ritmo dun filme, tanto dentro do plano como na totalidade da obra. Para isto, durante a xornada contamos con diferentes perfís, dende cineastas ata ensaístas, abordando o estudo dende distintas perspectivas e atendo a diferentes partes do proceso de creación.
