FESTIVAL INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES DE BUEU | FICBUEU

O 14º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, organizado pola Asociación FICBUEU, celebrarase do 10 ao 19 de setembro de 2021 na localidade de Bueu. O evento ten como principal obxectivo a promoción das mellores curtametraxes realizadas no último ano no ámbito internacional, promovendo aos novos valores e prestando especial atención a futuras e futuros cineastas de Galicia. Con esta finalidade e poñendo en valor o gran traballo que se está a realizar nos centros de ensino galegos no eido audiovisual; o FICBUEU crea dentro da súa programación a Sección Escolas Galegas. 

PARTICIPACIÓN E CONDICIÓNS TÉCNICAS

A participación está aberta a todas as obras audiovisuais realizadas durante os cursos escolares 2019/2020 e 2020/2021 que non teñan participado no certame en pasadas edicións. Poderán concorrer todos os centros de ensino e escolas de formación audiovisual con sede na comunidade galega.

A temática das obras será libre e a duración máxima será de 20 minutos, títulos de crédito incluídos.

Cada escola participante poderá presentar tantas obras como desexe.

As curtametraxes poderá estar rodadas en calquera formato, sendo a única esixencia o posuír unha copia dixital para a súa proxección.

INSCRICIÓN E DESENVOLVEMENTO 

O proceso de inscrición das curtametraxes farase cubrindo o formulario que se atopa na seguinte ligazón:

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

A inscrición no certame poderá realizarse ata o 30 de xuño de 2021 ás 23:59h.

O material enviado terá consideración de material privado e só será accesible pola organización do festival e os seus colaboradores. Coa inscrición, os centros/escolas participantes autorizan o uso do devandito material para a súa difusión en calquera medio de comunicación co fin de promover o certame, así como para a elaboración dos seus materiais impresos.

De entre todas as obras recibidas serán seleccionadas as curtametraxes finalistas de cada categoría: Educación Especial Infantil e Primaria, Educación Secundaria e Escolas de Imaxe e Son e Facultades. As obras seleccionadas para conformar a Sección Escolas Galegas FICBUEU 2021, serán anunciadas o 1 de setembro de 2021 na páxina web www.ficbueu.com así coma mediante correo electrónico a aqueles centros que teñan inscrito os seus filmes.

As curtametraxes galardoadas, proxectaranse o domingo 19 de setembro no transcurso da Gala Escolas onde se darán a coñecer as creacións gañadoras de cada categoría e se entregarán os galardóns correspondentes.

XURADO

A Asociación FICBUEU designará ás persoas do Comité de Selección así coma aos membros do Xurado.

O xurado da Sección Escolas Galegas no FICBUEU 2021 estará composto por tres membros vinculados ao audiovisual e ao ensino.

Tanto o comité de selección coma o xurado valorarán nas obras participantes:

  • A participación activa do alumnado en todas e cada unha das fases de creación: guión, produción, rodaxe, montaxe…
  • A utilización dos distintos elementos da linguaxe audiovisual: fotografía, son, escenografía, interpretación…
  • A orixinalidade e creatividade das propostas presentadas.
  • As características técnicas das obras acordes á idade dos creadores.

PREMIOS

Establécense as seguintes categorías e premios:

  • Mellor Curtametraxe de Escolas de Imaxe e Son e Facultades: Trofeo + Material audiovisual por valor de 250€
  • Mellor Curtametraxe de Educación Secundaria: Trofeo + Material audiovisual por valor de 150€
  • Mellor Curtametraxe de Educación Especial, Infantil e Primaria: Trofeo + Material audiovisual por valor de 150€

ACEPTACIÓN DAS BASES

A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelable.

Para calquera dúbida ou información: 657 62 59 13 ou producion2@ficbueu.com

PROTECCIÓN DE DATOS

De conformidade co disposto na Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal (en diante, a “LOPD”), infórmase ao PRESENTANTE de que os datos facilitados con motivo da inscrición da curtametraxe no FESTIVAL e calquera outros que en diante achega en conexión coa participación da devandita curtametraxe no FESTIVAL, serán incorporados para o seu tratamento a un ficheiro titularidade da Asociación FICBUEU, debidamente inscrito ante a Axencia Española de Protección de Datos, coa finalidade de xestionar e publicitar a participación da curtametraxe no FESTIVAL. A entrega de información requirida sobre datos persoais terá o carácter de obrigatoria e a súa falta de subministración ou a subministración de datos incorrectos imposibilitarán que poida xestionarse a participación da curtametraxe no FESTIVAL. Calquera modificación que poida producirse nos datos de carácter persoal facilitados deberá ser posta en coñecemento do responsable do ficheiro por parte do titular dos mesmos, que responderá en todo caso da veracidade e exactitude dos datos fornecidos en cada momento. No caso de que se fornezan datos de terceiros, o PRESENTANTE declara contar co consentimento dos titulares dos mesmos para a citada comunicación de datos. Se desexa exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición, o PRESENTANTE e/ou calquera outro interesado pode dirixirse por escrito e nos termos e condicións previstos na LOPD á seguinte dirección postal:

FICBUEU – Montero Ríos 191 Baixo – 36930 – Bueu (Pontevedra)