FESTIVAL INTERNACIONAL DE CURTAMETRAXES DE BUEU | FICBUEU

FON CORTIZO
Director de cinema e guionista.

Licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Salamanca, Cortizo ten traballado en numerosas producións e desenvolvido as súas propias obras baixo o selo de Xas Films.

Entre os seus filmes destacan os traballos no eido do documental, Contrafaces, longametraxe estreada no festival Visions du Reel, e Aysha, estreada no Festival Play-doc, chegando a acadar o premio á Mellor Curtametraxe Galega e ao Mellor Guión no Festival Curtocircuíto e o Premio ao Mellor Documental no Festival DUAF.

En 2020 estreou o seu último filme 9 Fugas no Festival Internacional de Cine de Xixón, resultando gañador do Premio á Mellor Longametraxe da sección internacional Reyumes (ex aequo). Dende ese mesmo ano Fon Cortizo é presidente de CREA (Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección).

BELÉN MONTERO
Artista multidisciplinar.

Titulada nas especialidades de realización-produción e montaxe-posprodución, é Licenciada en Historia da Arte na especialidade de xestión cultural pola UAB. 

En 1998 cofunda a empresa coruñesa Esferobite, na que tamén traballa como creativa ata 2019, levando a cabo proxectos experimentais de arte visual e música. A súa proposta indaga na capacidade de adaptación do audiovisual aos novos formatos e á expansión do medio, como o proxecto Versogramas ou o proxecto CODECO

Foi docente en centros como IED, Elisava e BAU e traballou con institucións artísticas como a Fundación Gas Natural Fenosa (MAC), CGAC, Fundación Luís Seoane, Obra Social Caixa Galicia, Pompidou Metz, Canal C, Virgin, Dro East West, Deputación da Coruña, entre outros.

Ao longo da súa traxectoria formou parte da fundación de diversos colectivos como DSK, CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización) ou A Colectiva (Asociación Profesional de Artistas de Galicia).

BRAIS ROMERO
Programador e comunicador.

Licenciado en Comunicación Audiovisual e Doutor en Comunicación e Información Contemporánea pola USC, a súa tese centrouse na relación entre a lingua galega e o cinema galego de ficción entre os anos 2000 e 2015. Sobre este tema continúa a investigar a través de diferentes videoensaios publicados dende o ano 2017, data na que recibiu o I Premio María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual a Mellor Videoensaio Galego. 

Dirixiu a revista A Cuarta Parede entre os anos 2017 e 2020, durante os que promoveu iniciativas como Cinegalicia 2019 ou diferentes seminarios de crítica cinematográfica. Como profesional independente promoveu actividades como a Gifatón, primeira maratón de creación de GIFs de audiovisual galego, organizada coa Academia Galega do Audiovisual no ano 2018, e impartiu diferentes obradoiros de creación audiovisual.

Actualmente traballa como programador no Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto e no Festival Novos Cinemas de Pontevedra. Colabora tamén no Diario Cultural Zeta da Radio Galega na sección centrada no audiovisual das novas xeracións.