Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility FICBUEU 2023 • Palmarés FICBUEU

Novas do festival

← Volver

PALMARÉS FICBUEU 2023 | A curta estadounidense «Endless Sea» faise co Primeiro Premio e a canadense «Invincible» conquista o Premio do Público

FICBUEU

I A película holandesa «Ma mére et moi» obtén o Segundo Premio e a somalí «Will my parents come to see me» recibe unha mención especial do xurado

I O Festival distingue tamén a «Ulises» de Félix Brixel, mellor curtametraxe galega, e «Arquitectura Emocional 1959», de León Siminiani,  mellor cinta española

I A peza «30’ 70 60’ 120», da directora viguesa Marta Valverde, é a gañadora na sección «GZ_00», que amosa o traballo da nova xeración do audiovisual galego

I A actriz coruñesa Luísa Merelas recolleu o Premio Cinema Galego FICBUEU 2023 en recoñecemento á súa traxectoria artística 

Endless Sea, do director estadounidense Sam Shainberg, é a curtametraxe gañadora da «Sección Oficial» da 16ª edición do FICBUEU. Anunciouno onte a concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García, nun acto celebrado no Centro Social do Mar de Bueu.  De entre as 28 a concurso, o xurado concedeulle a esta cinta o Primeiro Premio FICBUEU, dotado con 2.000 euros, «pola súa crúa enerxía, a súa desafiante produción, a súa magnética interpretación principal e un benvido toque de humor negro».

Sam Shainberg

Así se referiron os seus membros –os produtores de cinema Silvia Lobo e Manuel Monzón xunto a Mihai Chirilov, director artístico, crítico e membro da Academia de Cinema Europeo– a esta película que conta a «apaixoante historia de supervivencia» de Carol, unha muller de 70 anos «que loita contra o sistema» cando non pode mercar a súa medicación para o corazón.

A película Ma mére et moi, da realizadora holandesa Emma Branderhorst, mereceu o Segundo Premio FICBUEU por «captar de forma sutil e delicada ese momento decisivo co que todo o mundo se identifica, cando un fillo ten que crecer e unha nai ten que deixalo ir». Esa é a historia, a da moza Kees e a súa nai Lois, que reflicte esta curta. Emma Branderhorst, quen o ano pasado levou o Premio do Público con Spotless, filme no que visibiliza a pobreza menstrual, non puido recoller en persoa o galardón do Festival (dotado con 1.000 euros), pero si o fixo a guionista do filme, Nena van Driel. A encargada de entregarllo foi a vicealcaldesa de Bueu, Isabel Quintás. Van Driel falou ante o público do Festival para agradecer o premio ao xurado, que escolleu Ma mére et moi entre «tantos filmes inspiradores» e asegurou que «foi un honor que a nosa película se proxectara con todos eles». «É moi emocionante ver canta xente da zona se interesa polas curtas neste festival. É algo verdadeiramente especial», engadiu.

O xurado tamén realizou unha mención especial á cinta Will my parents come to see me, do realizador somalí Mo Harawe, «unha curtametraxe de gran forza sobre aferrarse á vida cando un se enfronta á pena de morte».

O palmarés oficial do FICBUEU 2023 complétase con dous filmes máis. Un é Ulises, obra de Félix Brixel, realizador de Rianxo, que acada o premio á mellor curtametraxe galega pola súa «historia enigmática e intrigante sobre o amor fraternal» e polos «impactantes efectos visuais» que a complementan. Brixel recibiu o galardón de mans de Fon Cortizo, da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA). A outra película distinguida é Arquitectura emocional 1959, do director cántabro León Siminiani, que leva o premio á mellor curta española. O xurado destaca dela «a súa orixinalidade lúdica, que mestura pasado e presente, amor e política, a través do cinema e a arquitectura».

O fallo do público

O Premio do Público, outorgado co seu voto polas espectadoras e os espectadores do FICBUEU, recae nesta edición na película canadense Invincible, de Vincent René-Lortie, inspirada nunha historia real. No filme, cóntase as últimas 48 horas de vida dun mozo de 14 anos recluido nun centro de menores e cunha urxente necesidade de liberdade foi a que máis impactou no público.

A actriz Luísa Merelas, homenaxeada

O galardón honorífico do certame, o Premio Cinema Galego FICBUEU, foi este ano para a actriz coruñesa Luísa Merelas, que estivo no acto celebrado en Bueu. A intérprete de series tan coñecidas como Pratos Combinados e Fariña ou películas como Los lunes al sol ou, máis recentemente, As bestas, foi homenaxeada no Festival pola súa longa traxectoria profesional e a súa contribución ao sector do audiovisual galego. 

Premios para as novas e os novos cineastas

A directora Anxos Fazáns, en nome do xurado Descubertas, foi a responsable de anunciar os premios elixidos nas categorías «GZ_00», «Descubertas» e «Escolas Internacionais». A curta 30’ 70 60’ 120, da directora viguesa Marta Valverde, fíxose co galardón na primeira das tres seccións, creada para amosar o traballo que está a facer a nova xeración de cineastas en Galicia. De feito, Valverde resultou gañadora cunha «peza arriscada que mestura xéneros e estilos saíndo estupendamente ben parada». No apartado «Descubertas» a curta vencedora nesta edición é Buurman Abdi, do holandés Douwe Dijkstra. O xurado valorou a súa orixinalidade e capacidade de transgresión, «chea de emoción e humor». En «Escolas Internacionais», espazo que amosa os traballos máis destacados que se fan en centros de cinema de todo o mundo, o premio foi para a película italiana Raíces, do Centro Sperimentale di Cinematografia.  Sara Moschini, unha das realizadoras do filme xunto a Maddalena Brozzi e Laura Cagnoni, recolleu o premio a unha película que aborda con beleza formal e sinxeleza narrativa o universo en torno á perda dun ser querido.   

Todas as curtametraxes do palmarés do FICBUEU 2023 poderán verse xuntas mañá domingo nun pase especial que terá lugar, a partir das 20.30 horas, no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu. 

  • O FICBUEU programa a súa primeira Noite de festivais en colaboración con outros certames internacionais

    Bueu, 20 de novembro de 2024 – O próximo 30 de novembro terá lugar no Centro Social de Bueu a primeira “Noite de festivais”. Un evento organizado polo FICBUEU baixo o seu programa de colaboracións internacionais no que achegarán ao público catro curtametraxes procedentes doutros catro certames.  As curtametraxes foron propostas polo Edimburgh Short Film […]

    2024-11-19
  • O FICBUEU colabora este mes con diferentes festivais europeos

    Bueu, 4 de novembro de 2024 – O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) desenvolve a súa labor de posta en valor da curtametraxe máis aló do evento que cada no se realiza en Bueu.  Logo da 17ª edición do FICBUEU as diferentes actividades programadas para este 2024 seguen en marcha coincidindo este mes […]

    2024-11-04
  • CINCO CINEASTAS DESENVOLVEN DESDE HOXE CATRO PROXECTOS DE PELÍCULAS NA II RESIDENCIA FICBUEU NA ILLA DE ONS

    BUEU. 16.10.2024. Cinco novas cineastas traballan desde hoxe e ata o vindeiro martes na Illa de Ons (Bueu, Pontevedra) no desenvolvemento dos seus próximos proxectos cinematográficos baixo a titoría de consolidadas expertas do sector audiovisual. A guionista e directora da premiada cinta 20.000 especies de abejas, Estíbaliz Urresola, lidera as formacións. As e os participantes, […]

    2024-10-16
O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Ir o contido