O FICBUEU e a Asociación Juan XXIII gravan a curtametraxe ‘A fin do osíxeno’

Ambas institucións levan traballando no filme dende xaneiro a través dos obradoiros de cinema da Área Social FICBUEU.

A obra estrearase o 11 de setembro durante a xornada inaugural do festival.

O equipo da Área Social do FICBUEU e a Asociación Juan XXIII de Cangas, centro ocupacional para persoas con discapacidade intelectual, gravaron unha curtametraxe froito dun longo traballo nun dos obradoiros de cinema, que comezou o pasado mes de xaneiro.

Durante estes meses, as usuarias e os usuarios do centro cangués aprenderon todo o relacionado co proceso de creación dunha peza audiovisual, partindo da creación da historia e do guión e pasando por todo o proceso de preparación e de produción anterior á rodaxe.

Equipo durante a rodaxe no Bosque Encantado de Aldán

Porén, só faltaba poñer en práctica todo o aprendido nunha rodaxe que durou unhas nove horas aproximadamente e que contou cunha vintena de persoas de ambas entidades ademais de actrices e actores recoñecidos, coma poden ser Mónica Caamaño ou Lois Soaxe.

Todo o traballo detrás das cámaras foi elaborado por integrantes do centro orixinarios de diferentes vilas de Pontevedra, como son Cangas, Moaña e Bueu, aínda que contaron co apoio das monitoras do Juan XXIII e do equipo do FICBUEU.

A peza, de ficción con temática medioambiental, leva por título ‘A fin do osíxeno’ e foi gravada en distintas localizacións, como son a propia sede da Asociación ou o Castelo do Bosque Encantado de Aldán.

O resultado final, aínda con moito por traballar no apartado de montaxe e posprodución, estrearase durante a xornada inaugural do Festival Internacional de Cinema de Bueu, que terá lugar o 11 de setembro.

Trátase do segundo filme do curso 2021/22 posto en marcha a través dos obradoiros de curtametraxes da Área Social FICBUEU, logo do realizado en conxunto coa Asociación Érguete de Vigo, nunha iniciativa que busca achegar e impulsar o cinema cara aos colectivos e sectores máis afastados da creación audiovisual.

Unha vez estreada, a obra poderá verse na canle de YouTube do festival, onde se atopan un bo número das curtametraxes feitas durante os últimos anos de traballo.

Comparte o teu aprecio
Ir o contido
FICBUEU
Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.