Canle FICBUEU: todas as retransmisións en directo da 16ª edición do festival xa en Youtube
FICBUEUDurante o FICBUEU 2023 foi posible gozar de moitas das actividades de xeito virtual. Alén dos podcasts, o FICPAPER ou os coloquios, xa é posible visualizar outros eventos da programación que foron retransmitidos en directo en Twitch para facilitar o acceso ao público que non estivo presencialmente no certame.
A Canle FICBUEU de Youtube conta agora con máis contido desta última edición, ao que se sumarán nos vindeiros meses diferentes entrevistas con cineastas e coa actriz Luisa Merelas (Premio Cinema Galego FICBUEU 2023), así como todas as intervencións que conformaron as II Xornadas Cinematográficas FICBUEU.
Nesta ocasión compartimos con vós os videos que recollen as presentacións do “Caderno FICBUEU#4” dedicado á figura de Joris Ivens e elaborado por Severiano Casalderrey e de “La pantalla porosa” publicación da man de Diego Rufo (Saltos de eje) que repasa a situación actual do cinema dende diferentes perspectivas.
Por outra banda, a entrega de premios do FICBUEU 2023 e a Gala Escolas Galegas, eventos nos que foi desvelado o palmarés da 16ª edición poden verse novamente na canle do festival.
O Caderno FICBUEU#4
Unha nova edición da colección Cadernos FICBUEU dedicada nesta ocasión ao documentalista Joris Ivens e ao seu traballo no eido da curtametraxe. Durante a súa presentación, conducida polo seu autor, Severiano Casalderrey, o público puido coñecer máis detalles sobre o contido e o proceso de investigación realizado para este volume.
“La pantalla porosa” de Diego Rufo
O sábado 16 colaboramos coa Libraría Miranda na presentación do libro de Diego Rufo “La pantalla porosa”, unha publicación sobre os cambios que está a vivir a industria cinematográfica na actualidade.
Entrega de premios FICBUEU 2023
Logo de todas as proxeccións das seccións competitivas da 16ª edición do FICBUEU as curtametraxes premiadas de cada categoría foron anunciadas nun acto no que contamos con diferentes cineastas e profesionais do audiovisual.
Gala Escolas Galegas
A xornada grande do MiniFIC comezou coa gala de entrega de premios ás curtametraxes realizadas en diferentes centros de ensino de Galicia. Conducida por Olalla González e Marc Taeger e grazas ao apoio de Kalandraka e Fundación Novas o noso público máis novo puido gozar dun fermoso acto no que foron proxectadas as súas pezas.